LIBROS PARA SOÑAR invita a nenos e nenas, nais e pais, a 
celebrar HOXE venres a festa do Samaín cunha sesión especial de contos de medo a 
partir das 18:30 horas, con entrada libre. Na Literatura Infantil e Xuvenil 
contemporánea son moitos os títulos que abordan esta temática, mais o repertorio 
da actividade incluirá obras de autores tan senlleiros como Maurice Sendak, 
Mercer Mayer ou Anthony Browne, publicados no catálogo de 
KALANDRAKA.
“Onde viven os monstros” será unha das historias máis 
celebradas polos cativos, atraídos polas aventuras de Max, o protagonista deste 
perfecto exemplo de álbum ilustrado.
Con “Un pesadelo no meu armario” o público infantil gozará 
das peripecias dun neno para conciliar o sono pola noite, preocupado pola 
presenza no seu cuarto dunha criatura que resulta non ser tan terrorífica como 
parecía.
Para conto intrigante, “No bosque”, que transcorre nunha 
misteriosa fraga na que personaxes de contos moi coñecidos polos lectores 
vánselle presentando ao protagonista desta historia no camiño á casa da súa 
avoa. 
Non faltará “Gato Guille e os monstros”, de Rocío Martínez, 
co que moitos nenos e nenas se identifican nos primeiros anos da infancia, cando 
calquera ruído no entorno doméstico os asusta; uns temores que Guille aprenderá 
a racionalizar coa axuda da súa nai.
LIBROS PARA 
SOÑAR
Triunfo 1, Vigo. | 986 43 37 
68 
Libros para Soñar en 
Facebook

